23.11.2009 Tódalas traballadoras independentemente do vínculo que ostenten co seu empregador teñen os mesmos dereitos, porque son traballadoras dende o momento en que firman o contrato, no caso do SERGAS, incluso antes. Esta é unha realidade que ninguén debe esquecer; en primeiro lugar o empregador e a continuación os traballadores e polo tanto os sindicatos.
A lei de función pública, o acordo de concertación social… garanten dereitos a tódolos traballadores sen ter en conta se o seu vínculo é de carácter fixo ou eventual. A orde de confección de nóminas, os trienios do persoal eventual…, garanten e equiparan as diferenzas que existían entre uns é outros facendo máis xusta unha situación que non o era.
Debemos recordar isto para non esquecer que existiron tempos onde as inxustizas eran demasiado numerosas e que foi necesario loitar contra elas; tempos nos que a administración negou o dereito dos eventuais a percibir as mesmas retribucións(aínda temos pendente a carreira profesional non recoñecida para o traballador eventual), tempos por exemplo nos que nesta área sanitaria se tiña ó persoal eventual nos Pac facendo unha xornada mensual de gardas que consistía basicamente en xornadas de fin de semana e festivos pois eran os horarios que se deixaban descubertos; por suposto que as cousas mudaron e a día de hoxe existen postos de traballo dignos ós que calquera traballador pode optar; pero non nos esquezamos que esas prazas naceron froito dunha loita polo dereito dos traballadores a unha xornada e retribución dignas. Outro exemplo foron os tempos en que o traballador eventual encargado de facer o traballo dun compañeiro ausente, era cambiado sistematicamente de quenda, se modificaba o seu calendario e incluso a súa labor polo mero feito de ser eventual.
Todos temos dereito a enfermar, a irnos de vacacións elixindo en igualdade de condicións e coas mesmas garantías, a cobrar as mesmas retribucións, a cambiar a quenda de forma voluntaria con un compañeiro….un largo etcétera que non vamos nomear ó completo pero que de non ser así, incorreriamos na ilegalidade, na inxustiza.
Esta central sindical ten claro que dimos e daremos a batalla pola igualdade de dereitos para tódolos traballadores, fixos e eventuais, porque todos son o que son, traballadores, pezas fundamentais deste sistema.
Batalla que seguiremos dando para seguir avanzando, que non permitiremos pasos atrás no camiño xa feito, que lembrar é bo, que todos debemos facelo e que a Xerencia do Área Sanitaria debe garantir os dereitos de tódolos seus traballadores. Por todo iso, sirvan estas palabras para facer lembranza dunha declaración de principios que esta central sindical defenderá sempre!
Son tempos difíciles compañeiras e compañeiros: Temos que sentarnos coa administración a falar dun novo pacto de vinculacións do que aínda non podemos dar novas, tan só que a proposta do SERGAS foi rexeitada, resolver e dar unha saída digna ás listaxes pendentes de publicación; e todo isto cunha administración que incumpre arbitrariamente os acordos publicados en DOG(¿sentarse a negociar? Neste momento esta frase perdeu o significado…, unha administración que reduce os orzamentos para contratación de persoal eventual ata tal extremo que case son inexistentes, polo que parece que as contratacións van ser escasas ou nulas, e dicir, nin por unha lista nin por outra…..a situación é preocupante e o persoal eventual vése directamente afectado polas inxustizas dos atrasos, por non ter traballo, por traballar nas quendas “sobrantes”…
Así que compañeiros eventuais, chamámosvos a unha reflexión porque as mobilizacións están á porta da esquina para acadar un pacto de vinculacións digno que non lesione dereitos, pola publicación das listaxes pendentes, porque o persoal eventual teña garantido o respecto polos seus dereitos e sobre todo porque con esta “crise” a Consellería non vai prácticamente contratar persoal eventual e polo tanto… máis paro, máis saturación de traballo nos centros do Sergas e peor atención aos usuarios, que non esquezamos, tamén o somos nós.
Somos conscientes da preocupación por unha negociación dun novo pacto de vinculacións, pola saída das listaxes, e deberemos mobilizarnos, en breve, por iso; pero tamén queremos que saibades que non destinan cartos para substitucións, nin novas prazas, que se van a construír hospitais con capital privado e que isto implicará a privatización “a priori” de todo o persoal non sanitario; ademáis na nosa Área vánse construir con capital privado os Centros de Saúde de Narón, o de Cedeira, o da Capela e o de Ares, lembrando outra vez que hoxe é o capital privado, pero que mañá será a xestión; que non se respectan os acordos en DOG, isto afecta moito, moitísimo os traballadores das listaxes, agora que remataron os exames de OPE, esperamos o voso apoio nas mobilizacións que se convoquen e que xa a día de hoxe se están a convocar porque o persoal eventual é directamente afectado polas decisión dunha Consellería que vainos negar as posibilidades de traballo, e non para mañá nin para pasado mañá, senón para moito tempo.
Tamén recordar aquí que o Partido Popular no mes de setembro presentou no Parlamento de Madrid una proposta para que todas as bolsas de contratacións do sistema público fora xestionado de maneira privada, e dicir, por ETT´s. Proposición que foi desbotada polo resto de partidos políticos. É necesaria a mobilización do persoal eventual, e todos somos e todos son conscientes da importancia deste persoal. Veuse claramente nestas datas previas á OPE, non??
Non estamos nun momento de paz social, deberíamos loitar polo día de hoxe, pero sobre todo, polo futuro que nos espera!!!! |